sábado, 28 de abril de 2012

Xornalismo en perigo de extinción - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Case simultaneamente El Mundo e El País anuncian a posta en marcha de expedientes de regulación de emprego para alixeirar as súas “cargas” laborais. Son as últimas novidades no panorama de desolación que vai debuxando un sector, o da prensa escrita, que ven sufrindo unha grave crise de adaptación tecnolóxica desde antes de que Lehman Brothers e outros grandes bancos norteamericanos provocasen a penúltima gran crise financeira do sistema capitalista (o de penúltima é unha concesión ao optimismo: ninguén nos garante, senón máis ben o contrario, que a próxima crise sexa a definitiva).

Como consecuencia da popularización de Internet, como nova vía de transmisión de información e de opinión, as vendas de periódicos impresos van caendo progresivamente, sen que os empresarios teñan acadado aínda a fórmula para superar esa competencia ou para facer negocio no novo formato informativo. A imaxinación empresarial, neste sector como noutros, de momento e na inmensa maioría dos casos, non da máis que para restrición de gastos e axustes de persoal. Empregan a imaxinación, en todo caso, para salvagardar os seus ingresos persoais: no Grupo Prisa non teñen reparo en usar a nova lei laboral, que os seus medios critican, para abaratar os despedimentos, como non teñen escrúpulos en anunciar case ao mesmo tempo un ERE e un reparto de incentivos aos seus executivos por valor de 10,5 millóns de euros. 

Con menos recursos e menos persoal, o produto degrádase e, se xa resultaba difícil competir cun produto máis elaborado, fronte a tecnoloxías de acceso gratuíto (salvo as tarifas telefónicas) e de efecto inmediato, a competencia convértese en imposíbel se a oferta é un produto de menor calidade e rigor, ao que se pode engadir o inquietante aumento dos niveis de terxiversación e manipulación. O fenómeno, ademais, esténdese aos medios audiovisuais, aínda que o impacto das novas tecnoloxías non lles afecta tan de cheo, pero a inercia da precariedade, sobre todo nestes momentos de obsesión dogmática polos recortes, é de fácil contaxio para empresarios que, nalgúns casos televisivos, xa apostaran de entrada pola frivolidade.

Unha situación grave en calquera sector da actividade económica, pero que se converte en directamente crítica cando se trata dunha actividade relacionada co exercicio dunha das liberdades básicas do noso ordenamento constitucional, a liberdade de información e de expresión (á que se dedica, por certo, un día internacional o próximo 3 de maio).

A de xornalista, que é unha profesión de risco en países que sofren ditaduras (e nalgúns que manteñen as formas democráticas, como México, onde os profesionais están sometidos ás ameazas, agresións e mesmo asasinatos das mafias narcotraficantes), en España é unha profesión en perigo de extinción, ben pola vía de transformación en simple amanuense de intereses económicos ou partidistas, ben polo camiño de francotirador espontáneo nas redes sociais, sen contrastes nin responsabilidades.

Diante da irresponsabilidade da maior parte dos empresarios, moitos deles achegados aos medios para utilizalos como plataforma de presión coa conseguir outros fins máis lucrativos, e cun goberno disposto a desmantelar os medios de comunicación públicos, o futuro da información preséntase certamente sombrío. O amplo campo que ofrece Internet aínda está en fase de experimentación como posíbel alternativa de actividade rendíbel. A súa indefinición actual permite unha marxe de liberdade xamais coñecida na circulación da información e das opinións. Pero esa mesma indefinición e a dispersión que supón a súa condición de ferramenta global limita, de momento, as súas posibilidades de converterse en canle de ingresos que manteñan postos de traballo.

Cada vez son máis os profesionais do xornalismo que se lanzan pola súa conta a ocupar espazos en Internet: para traballar en precario, mellor sen xefes. Polo menos mentres os poderosos, os de sempre e os de ocasión, non atopen a maneira de controlar eles Internet e beneficiarse en gran escala.