sábado, 5 de mayo de 2012

Cada venres empeza a amencer - Xosé A. Gaciño

Cada venres, reforma. Quedan moitas, se este goberno remata o tempo marcado de lexislatura. Suficientes quizais para darlle a volta ao calcetín institucional e social até deixar España de maneira que non a recoñeza nin a nai que a pariu, por dicilo con palabras dun rival político. Mesmamente, a segunda transición, que non puideron rematar na súa anterior etapa de goberno por culpa dunhas malditas bombas. Menos mal que a crise financeira, debidamente canalizada precisamente cara a deixar o camiño libre para novas aventuras espoliadoras, volveu colocalos no goberno no momento máis oportuno para culminar a reconquista das esencias patrias, contaminadas polos excesos da democracia e das políticas sociais, que estaban a distraer os verdadeiros negocios que os bos patriotas (os que poñen a salvo a riqueza nacional en contas suízas) poden facer cos fondos do Estado.

De momento, van cumprindo obxectivos, que os teñen e moi claros, aínda que ás veces transmitan a impresión de que se contradín (como se as promesas electorais houbese que tomalas ao pé da letra) ou de que improvisan a golpe de advertencias dos mercados (que son eses señores que reparten dividendos no medio da crise que provocaron eles). Os camiños do ultraliberalismo son inescrutábeis. 

O caso é seguir avanzando decididamente cara aos primeiros tempos do capitalismo, cando non había sindicatos nin limitacións de horarios e os salarios dependían exclusivamente da xenerosidade dos empresarios, sen cargas sociais e sen baixas por enfermidade, mentres se despexa o camiño para ir colocando nas mans da libre competencia privada (coa familia e os afíns, que sempre son máis de fiar, nos postos de saída) as potencialidades de negocio da asistencia sanitaria e do ensino (menos rendíbel economicamente, pero de moito aproveitamento ideolóxico).

Na folla de ruta aparecen tamén as rebaixas nas esixencias medioambientais e na promoción de enerxías renovábeis, milongas da sostibilidade, como lle chamaba un ilustre gañador pírrico nunhas eleccións autonómicas, que, por certo, é outro capítulo a revisar, que é mellor ter todo atado e ben atado desde o centro da península. Tampouco fai falta investigar tanto (que inventen eles, afirmaba orgulloso un ilustre intelectual da xeración do 98, na súa etapa mística) nin axudar a cineastas pacifistas e solidarios de causas perdidas.

E para manter a orde necesaria, que garante a pacífica convivencia dos cidadáns sacrificados e submisos, novas leis que poñan a cadaquén no seu sitio e aos alborotadores á sombra, sobre todo aos pacíficos da resistencia pasiva, que son máis fáciles de deter. Xa se sabe que a prima de risco se dispara por culpa dos manifestantes, non porque os presupostos sexan imposíbeis de cumprir, como afirman maliciosamente analistas que improvisan (mesmo algún desagradecido que traballa nalgunha institución internacional desas que promoven a austeridade rectamente entendida, é dicir, a que deben practicar as vítimas da crise). 

Hai moito por reformar. Até contar cun país como deus manda, sen abortos decididos unicamente pola muller, sen matrimonios homosexuais que desagradan especialmente a algúns bispos, sen inmigrantes aproveitando os nosos servizos, cunha televisión público ao servizo dos valores eternos (é dicir, dos que gobernan)...

Pode que algún resultado electoral nalgún país veciño modifique a correlación de forzas no paraíso ultraliberal europeo, pero, de momento e na orxía contrarreformista da que están a gozar, senten a emoción de que, outra vez, na súa España, empeza a amencer.