sábado, 26 de mayo de 2012

Fútbol 6 - Espe 0 – Antonio Campos Romay

Por goleada gañou o fútbol á lideresa. Exemplares as afeccións do Atletic e do Barça, en Madrid e tamén  en Bilbao e Barcelona. Os segundos de pitada ao himno e ao Sr. De Borbón Júnior foron apenas anécdota ao entusiasmo que ambas afeccións dedicaron a agradecer a Dona Esperanza Aguirre, pirómana profesional, afortunadamente sonora polo seu fracaso. E vaia por diante a solidariedade coa súa nai que seguramente non é merecedora de ter unha  filla que a pon na fala da xente. Por certo os afeccionados mostraron tamén certa vocación polo reino animal entoando algo sobre “un elefante se balanceaba...”

As forzas de seguridade empregáronse a fondo previo ao partido en   comisarlle o pito (silbato) aos presuntos espectadores que estaban en posesión de tal instrumento. De vento claro. Ningún foi o celo en comisar as bandeiras nazis e anticonstitucionais exhibidas na manifestación da ultradereita que circulou pola capital da Monarquía coa mesma impunidade que D. Pedro pola súa casa.

Dicía o Ministro de Exteriores que foi un espectáculo daniño para España o dado no  Manzanares ao asubiar ao vinculeiro e á Marcha Real. Pararíase  o Sr.Margallo a pensar si o problema mais daniños para España non serán os repetidos charcos nos que nos mete coa súa incontinencia?

O fútbol superou coa exemplaridade dos xogadores no terreo de xogo, a elegancia e civismo dos dous adestradores (no banquiño nin estaba Mouriño nin se lle esperaba), e o comportamento das afeccións os propósitos de Dona Esperanza. Que por facer nin sequera fai graza xa aos máis responsables da súa propia corda.

Pasado sen materia para a crónica de sucesos esta efeméride, coa frustración dos que tiñan afiada a navalla, incrementados os militantes do independentismo trala pedagoxía da lideresa, é momento de volver ao cotián. Por exemplo como  vaise amañar o tema de Banquia? De onde vai saír o dobre do orzamento da Comunidade de Galicia, ou o  dobre do cortado agresivamente sobre a sanidade e o ensino publica, so  para tapar as trapalladas e miserias da xestión realizada en tal entidade?

Escoitando o actual “responsable” na súa roda de prensa dan ganas de rir ou de chorar. De rir porque este cabaleiro de apelido tan impronunciable como os seus argumentos tomounos a todos por bobos, ou de chorar, porque si realmente toleramos tanto atropelo é que somos máis parvos do que nos supón.

Dona Esperanza, vostede o día do partido (de fútbol) escondeuse no súa tobeira.  Neste tema en que loitou a brazo aberto contra o actual Ministro de Xustiza agora ponse de perfil. Anímese lideresa, déixenos unhas perlas das súas.