jueves, 5 de julio de 2012

Froita amarga - Xesús Veiga

Aínda que non o recoñeza, Mariano Rajoy desexaría que todas as semanas dos vindeiros meses fosen como a que rematou o domingo día 1 de Xullo.O cumio celebrado polos dirixentes da UE tivo un desenlace menos negativo do que prognosticaban moitos analistas e, sobre todo, o tramo final da Eurocopa de fútbol concentrou unha parte importante da atención da maioría da poboación do Estado español.O éxito da selección dirixida por Vicente del Bosque conseguiu aliviar, momentaneamente, os síntomas depresivos que presenta, dende hai tempo, o corpo social.O recoñecido bo fútbol que practican os xogadores que compiten coa selección española alimentou un mecanismo de autoestima que reduciu a presión sobre uns gobernantes que non son capaces de sintonizar mesmo con aqueles electores que propiciaron –hai pouco mais de seis meses- a súa chegada aos despachos oficiais que agora ocupan.

A pretensión de converter os éxitos deportivos nunha fórmula para esquecer e/ou substituír os fracasos e deficiencias padecidos na xestión dos recursos públicos é case tan vella como a propia existencia deses espectáculos.No caso español, o fútbol ten sido un dos refuxios simbólicos utilizados polos defensores dun nacionalismo español excluínte para buscar a patrimonialización dos trunfos iniciados na Eurocopa de 2008, establecendo unha interesada ecuación entre a ledicia expresada por moitas persoas afeccionadas a ese deporte e a súa presunta adhesión a unha concepción de España negadora das identidades nacionais de Catalunya, Euskadi ou Galiza.Nesta ocasión, teñen existido algúns intentos –aínda que expresados con menos contundencia- para repetir semellante construción discursiva, ignorando que ese patriotismo español de vocación imperial vive prisioneiro dunha realidade indiscutíbel:as graves hipotecas presentes na economía española e o papel subordinado que desempeñan os representantes do Estado –Rajoy nunca podería ter ameazado coa dimisión como fixo Mario Monti- nas instancias determinantes da UE.Hoxe, para vencer as resistencias de Merkel ou do BCE non abonda con facer un xogo bonito nos campos de fútbol ou pretender actualizar a versión de España como “unidade de destino no universal” e “reserva espiritual de Occidente”.

Antes de que remate o mes de Xullo, Mariano Rajoy deberá ofrecer novos sacrificios –e non precisamente rituais- no altar do ríxido modelo de construción europea deseñado en Berlín e Bruxelas:subir o IVE –aquel imposto que prometera non modificar- e preparar a rebaixa de salarios e a redución de emprego nas Administracións públicas.Daquela, Xavi, Iniesta e Casillas non poderán botar azucre nesa froita que nos vai amargar o verán.