miércoles, 1 de agosto de 2012

Sarcasmo hipócrita da dereita rancia - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Para aplicar os ríxidos criterios da austeridade xermánica, acóllense á vontade maioritaria da Unión Europea. En materia de aborto, en cambio, prefiren aliñarse coa moi minoritaria vontade dos máis integristas (Malta e Irlanda, concretamente). Forma parte do xogo de intereses e demagoxias, deste como doutros gobernos. Cando algunha medida non levanta entusiasmos, mellor refuxiarse no consenso internacional, pero, cando se cre conectar cunha parte da cidadanía con rendibilidade electoral, non hai ningún problema en presentarse como xusticeiros solitarios.

Está por ver, de todas formas, que a regresión lexislativa que anuncia o ministro Ruiz-Gallardón en relación co aborto vaia ter rendibilidade electoral. As últimas enquisas revelan, dentro do limitado nivel de fiabilidade de calquera enquisa, que ate a maioría dos católicos e dos votantes do PP está en contra de reformar a actual lei de prazos.


O dos católicos é especialmente chocante, pero hai tempo que a maioría dos católicos españois se limita a certas prácticas rituais (vodas, bautizos e comuñóns), máis por tradición social que por convencemento, asumíndoas como compatíbeis con prácticas como o divorcio, os anticonceptivos ou mesmo o aborto, tan enfrontadas coa ortodoxia da relixión que din practicar. Quizais por iso a xerarquía preme ao poder civil para que o Código Penal se asemelle o máis posíbel aos preceptos da moral católica: como non consegue convencer aos seus propios fregueses de que asuman as súas normas morais, pretende que sexa o Goberno o que impoña esas normas a todos os cidadáns.


O caso é que o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que nalgún momento tratou de ofrecer unha imaxe diferente, “moderna”, dentro da maioritariamente rancia cultura da dereita española, parece decidido a substituír a Mayor Oreja como cabeza visíbel do sector máis integrista e intransixente do PP. El saberá con qué intencións.


De momento, está na fase dos globos sonda. Ocupado este Goberno case de xeito monográfico na produción compulsiva de decretos de recortes, Ruiz-Gallardón non pasa de amagar con retrocesos na representatividade do Consello do Poder Xudicial (parece que reconducido a última hora, nun consenso que inclúe ao novo presidente dos xuíces, progresista, e ao PSOE) e na consideración penal do aborto (sen esperar a que o Tribunal Constitucional resolva o recurso presentado polo Grupo Popular contra a actual lei de prazos, que leva máis de dous anos de vixencia e que é a fórmula máis estendida no ámbito da UE).


Para non perder o fío do seu suposto “progresismo”, o ministro presentaba o seu propósito de volver a unha lei de supostos como unha defensa da muller nai, á que considera acosada por unha campaña de presións contra a maternidade, e avogaba por un aumento sensíbel de axudas ás nais para garantir esa maternidade ameazada. Soaba contraditorio no contexto de reducións continuas de toda caste de gastos sociais. 

A contradición convértese en sarcasmo hipócrita no último e recente anuncio, o da supresión da malformación conxénita do feto como suposto de aborto permitido. O anuncio producíase practicamente o mesmo día no que se confirmaba a conxelación das axudas previstas na lei de dependencia. O ministro aparece así ou como un francotirador despistado ou como un cínico perfecto, sobre todo se recordamos que os populares tamén presentaran, hai case trinta anos, recurso de inconstitucionalidade contra a primeira lei do aborto, limitada entón polos socialistas a uns determinados supostos, en aras dunha moderación mal entendida: a reacción integrista da dereita foi a mesma que se tivesen aprobado directamente unha lei de prazos.


Rápida e “europea” para recortar dereitos sociais. Lenta e retrógrada en cuestións morais. Quizais haxa que esperar outros trinta anos para que a dereita española máis rancia acepte unha lei de prazos para o aborto.