viernes, 16 de noviembre de 2012

A saída para os desafiuzamentos é evitar os despedimentos - José Luis Gómez

José Luis Gómez
O problema social e económico dos desafiuzamentos está que arde. Decenas de persoas, entre elas o lehendakari, deron o seu último adeus á muller de Barakaldo que preferiu suicidarse antes de ser desafiuzada; os xuíces encabezaron a loita contra a lexislación hipotecaria e aliáronse para paliar os efectos da crise nos máis débiles, ata o punto de aplicar fórmulas extraordinarias para aliviar os abusos de bancos, e o Goberno decidiu, tras negociar co PSOE, que as familias pobres e con bebés poderán evitar o desafiuzamento durante dous anos, para o que aprobou un decreto lei de urxencia que fixa o limiar de renda para evitar o desaloxo en 19.200 euros, e inclúe outros colectivos vulnerables. Pero o Executivo descarta a dación en pago, establecer un límite para os intereses de demora e unha reforma da lei hipotecaria.

Pero agora que Mariano Rajoy quere paralizar e deixar en suspenso os desafiuzamentos ás familias máis vulnerables, para impedir que os bancos recuperen as garantías e o diñeiro prestado, non estaría mal recordar a verdadeira orixe do problema: os despedimentos e os eres. Xa que logo, a solución definitiva non é facer un decreto, senón evitar que moitas persoas perdan a súa casa porque alguén previamente despediunas e non teñen ingresos para afrontar o pago da súa hipoteca, xa que, loxicamente, primeiro está a necesidade para comer e logo a de pagar a hipoteca.

O asunto é certamente complexo e denota a debilidade do propio mercado hipotecario español, xa que na inmensa maioría dos casos de desafiuzamento, o propietario hipotecante non devolveu nin un 10% do que o banco lle prestara para comprar a casa, un claro síntoma da falta de recursos para afrontar operacións inmobiliarias de certo calado. Pero iso non debe impedir que, efectivamente, se póida superar por unha vía de urxencia o problemón dos desafiuzamentos. De feito, hai bancos que xa converten posibles desafiuzamentos en dación de pago e aluguer social para que as familias afectadas continúen nas súas vivendas, porque os bancos tampouco teñen moito interese en adquirir máis activos que logo terán que malvender. Pero o dito: o mellor camiño para suprimir os desafiuzamentos é evitar os despedimentos.