viernes, 30 de noviembre de 2012

Recuperarmos o consenso lingüístico - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
Como xa pasara co concurso eólico o TSXG, como Alto Tribunal do País, ven de anular dous preceptos fulcrais no Decreto da Xunta sobre plurilingüismo no ensino: a consulta lingüística cos pais no ensino infantil e máis a posibilidade de que os alunos usasen a lingua da súa escolla nas materias a impartiren en castelán.  A sentenza non sorprendeu nos medios xurídicos, porque era bastante evidente a ilegalidade destas regulacións, abertamente contrarias áo espirito do Estatuto e á letra da Lei de Normalización Lingüística.

Mais o mal causado por esta normativa xa está feito. Saben vostedes que dende 2007 até 2012 as escolas infantís que usan o galego (case todas públicas ou sostidas case todas por fondos públicos) recuaron dende o 35% ao 4%? Saben vostedes que o 40% dos pais de alunos nas principais cidades e vilas pediron o ensino en galego para os seus fillos no ensino infantil  e se lles nega este dereito?

No alborexar desta nova lexislatura, ben faría o Presidente Núñez Feijóo en matinar no dano xerado polo seu Goberno ao noso principal patrimonio inmaterial. En desbotar o enfrontamento da pasada lexislatura, xerado nas factorías de FAES e Galicia Bilingüe. En ofrecermos á cidadanía un novo consenso lingüístico que garanta definitivamente o que nos tiña que unir a todos: a aprendixaxe axeitada da nosa lingua por parte de todos, a igualdade xurídica do galego  co castelán e pactar, para os vindeiros 15 anos, cál vai ser o grao e intensidade da discriminación positiva que os nosos Poderes públicos e axentes sociais han destinar a prol do galego.

Este  novo consenso ben podería construirse sobre os alicerces daquel Plan de Normalización Lingüística aprobado no 2004 por unanimidade parlamentaria.  Engadíndolle, quizais,  un acordo sobre o  rol a xogar por este País e a súa lingua no punxante contexto da lusofonía, con Brasil como grande emerxente. Porque o galego, amáis de ser o noso, fai parte dun dos corpos lingüísticos máis falados no mundo.