lunes, 28 de enero de 2013

Cadernos da Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
UNHA FISCALIDADE INASUMÍBEL
 
É un lugar común  que a queda da actividade económica xere de seu unha queda na recadación fiscal. Mais os estudos do economista galego Manuel Lago demostran que o grande burato fiscal entre a recadación do 2006 e ao 2011 foi o Imposto de Sociedades (IS), que pagan as compañías mercantís polos seus beneficios. No 2006 a recadación estatal acadou os 183,5 mil M€, que caeu no 2011 a 158,5. Pois ben, estes 25 mil millóns menos foron responsabilidade exclusiva do IS, que caeu en 28 mil millòns (duns 43,7 mil M€ a só pouco máis de 11 M€), mentres a recadación por IRPF sobía en case 4 mil millóns e o IVE e os Impostos especiais mantiñan, en xeral, os seus números.

Evidentemente, a caída nos beneficios explica parte desta queda, mais non a meirande parte. No ano 2011 os beneficios das empresas societarias sobardaron os 115 mil M€, dos que máis de 46 mil M€ ficaron exentos de tributación, por mor dun conxunto de complexas  bonificacións, exencións e deducións fiscais e outras ferramentas de enxeñería tributaria que só benefician ás grandes corporacións, que veñen pagando de media só un 11,6%, fronte á media do 12,2% das familias na renda ou o case 18-19% de media que pagan as pemes societarias.

Velaí que o problema do déficit haxa que velo, sobre todo, dende a perspectiva do ingreso. A recadación fiscal española perdeu quizaís máis de 20.000 M€ (máis da metade do que paga o Estado polos elevadísimos xuros da débeda) por mór dunha lexislación  fiscal regresiva que non axusta o pagamento dos Impostos ao beneficio real das grandes empresas, unicas que teñen na súa mán as complexas ferramentas de enxeñería financeira precisas.
Semella que unha normativa fiscal  xusta e progresiva achegaría moitos máis recursos á caixa. E achegaría unha perspectiva moi diferente a respecto dos recurtes sanitarios, educativos e sociais que a dereita vende como inevitábeis. Malia que fose o PSOE, por certo, quen aplicara esta lei fiscal tan pouco social.
 

A ARRINCADEIRA: Grande parte da sociedade quere máis galego.

O éxito da manifestación a prol da nosa lingua non habería facermos esquecer a necesidade de combinar( e mesmo trascender) esta caste de respostas na rúa con medidas eficaces e proactivas para recuperar falantes e presenza social nos sectores até de agora pouco receptivos á nosa lingua.