domingo, 10 de febrero de 2013

Alternativas viábeis fronte a unha lei hipotecaria inxusta - Xosé A. Gaciño

Non é só un problema social: é tamén, e sobre todo, unha estafa xeneralizada, da que se beneficiaron abusivamente entidades financeiras, notarios e administracións públicas, e cando a crise –causada polos especuladores financeiros– fai estoupar a burbulla inmobiliaria, todas as responsabilidades fanse recaer sobre a parte máis vulnerábel, sobre a cidadanía que necesitaba acceder a un ben de primeira necesidade e apenas tiña outra opción que a compra da vivenda, ante un mercado de alugamento desregulado e, en consecuencia, inestábel, caro, en mal estado. España é o país europeo con máis desafiuzamentos e, ao tempo, o país que máis vivendas baleiras acumula: máis dun millón están agora en poder dos bancos, que parecen esperar a volta do ciclo especulativo.

Máis de catrocentos mil desafiuzamentos leváronse a cabo en España en catro anos. As persoas afectadas son arroxadas do sistema, sen casa e endebedadas de por vida, condenadas á economía somerxida para eludir o embargo do seu soldo. Os grandes delitos financeiros, os delitos de corrupción e a defraudación fiscal prescriben moi pronto: as únicas débedas a perpetuidade son as contraídas polas familias para acceder a un ben de primeira necesidade. E por enriba, un desafiuzamento está considerado como unha transmisión patrimonial, como se fose unha operación de compra-venta, é dicir que o desafiuzado, ademais de quedar sen casa e endebedado co banco, ten que tributar a Facenda e a plusvalía municipal como se tivese feito un negocio.


Os banqueiros claman contra a posibilidade da dación en pago, porque din que admitir que non se pague unha débeda crearía inseguridade xurídica, pero ás inmobiliarias fanlle quitas de máis do cincuenta por cento, e a determinados partidos políticos condónanlle as débedas e eles mesmos, os bancos, deben nestes momentos, como mínimo, un total de 250 millóns en cotas de comunidades de veciños. En Estados Unidos está regulada a dación en pago e en toda Europa hai mecanismos de segunda oportunidade. En Italia e Grecia hai nestes momentos unha moratoria de desafiuzamentos.


Estou a facer un pálido resumo da comparecencia de Ada Colau, representante da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, ante a Comisión de Economía do Congreso, en relación co proxecto de lei sobre medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios, en desenvolvemento do decreto lei de novembro pasado. E digo pálido porque non son capaz de reproducir por escrito a forza de convicción desta muller, que me recordou en certo sentido a comparecencia de Pilar Manjón ante a comisión de investigación do 11-M, como exemplos de testemuñas exemplares da sociedade civil que colocan a crúa realidade ante os políticos que se enredan nas súas liortas partidistas e esquecen con demasiada frecuencia as verdadeiras preocupacións dos cidadáns. Mellor poden escoitala directamente neste enlace:
http://www.congreso.es/portal/page/portal/Congreso/GenericPopUp?next_page=/wc/verEmisionAudiovisual&idOrgano=306&idSesion=23&fecha=05/02/2013&secuencia=534495&legislatura=10


Os obxectivos mínimos e urxentes desta plataforma, expostos na comparecencia de Ada Colau e na iniciativa lexislativa popular, firmada por máis dun millón de cidadáns e cuxa admisión a trámite vaise debater o martes 12, son moi claros e perfectamente viábeis, se hai vontade política e independencia fronte a presión das entidades financeiras: dación en pago con efectos retroactivos, moratoria de todos os desafiuzamentos de vivenda habitual de debedores de boa fe (os de insolvencia sobrevida pola falta de traballo, por exemplo), parque de vivendas de alugamento social (un 30 por cento dos ingresos da unidade familiar, segundo recomendacións das Nacións Unidas) e regulación das cláusulas abusivas que provocan o sobreendebedamento.


Pode que se pasase chamando criminal a un representante da banca que lle precedeu na comparecencia, pero xa me gustaría atopar, nunha candidatura electoral pola que puidese votar, a un político coa mesma claridade de ideas e a mesma enerxía que esta muller que non é importante, como ela di, pero que transmite a protesta pacífica, pero firme, dun colectivo especialmente castigado polas especulacións do sistema.